kitsch

por carracuca

Cando estudaba Teorías da Comunicación e aínda conservaba a ilusión por unha formación que despois perdeu o rumbo, escribín un traballo sobre o kitsch. Desde entón, non quitei da cachola o termo. Encántame.

Kitsch son os dourados dos oitenta, kitsch é o gato da sorte dos chinos que queremos comprar. Kitsch eran a maioría de produtos dos desaparecidos Todo a cien. Kitsch son os meus beizos vermellos, e por iso me encantan. Kitsch é planexar facer camisetas de personaxes friquis, e desfrutar do horterismo de ver películas de sobremesa de Antena 3. Kitsch é o día dos Namorados, sobre tódolos días do ano. E a min, como todo o relacionado con este mundo desprezable, gústame a morrer. As rosas. As músicas. Os bombóns. As parellas. Os ruídos da paixón dos veciños.

Para os que aínda non vos familiarizastes con este fabuloso concepto, aí vai a mellor definición que atopei nunca:

“O kitsch provoca dúas bágoas de emoción, unha inmediatamente despois da outra. A primera bágoa di: ‘¡Que fermoso, os cativos corren polo céspede!’. A segunda bágoa di: ‘¡Que fermoso é estar emocionado xunto con toda a humanidade ao ver aos cativos correndo polo céspede!’. É a segunda bágoa a que convirte o kitsch en kitsch. A irmandade de tódolos homes do mundo só poderá edificarse sobre o kitsch”

Milan Kundera, ‘A insoportable levedade do ser’

Que lle dean ao politicamente correcto. O kitsch sácanos das nosas grises vidas. O kitsch vainos salvar. O kitsch é a resposta, a nova relixión, a solución ao consumismo dirixido dende rañaceos. O kitsch mola. Adorade o kitsch, e saudade con respecto ao gato dourado que saúda no meu salón.

Anuncios